O Día Nacional do Doante é unha iniciativa das asociacións de pacientes á que se suma a Organización Nacional de Transplantes (ONT) e que pretende recoñecer aos doantes e promover o xesto altruísta da doazón. Este ano, a ONT quixo render homenaxe ás 50.932 familias que, en cumprimento dos desexos do seu ser querido xa falecido, dixeron si á doazón dos seus órganos ao longo dos últimos 34 anos. Grazas a esa decisión, foi posible realizar 122.317 transplantes desde que se crease a ONT en 1989 ata o 31 de maio deste ano.
“Hoxe queremos recoñecer a grandeza das familias que cada día din si á doazón e que, coa súa actitude, salvan ou melloran moitas vidas. Son eles os protagonistas do éxito mundial do modelo español de doazón e transplante, do efecto transformador que supón a doazón”, valorou Miñones, á vez que recoñeceu a gran dedicación de todos os profesionais sanitarios que participan no proceso.