O capitán Kirk volve ao espazo. Aos seus 90 anos, o actor William Shatner, o mítico capitán Kirk da serie de ficción Star Trek, subirá de novo a unha nave espacial o próximo 12 de outubro. Non viaxará na Enterprise, compañeira de tantas aventuras de cartón pedra, senón nunha cápsula de Blue Origen, a compañía de voos espaciais fundada por Jeff Bezos, o dono de Amazon.
Xunto a Shatner viaxarán tres persoas, entre elas Audrey Power, enxeñeira espacial e avogada e vicepresidenta da compañía. O actor, que chanceou en Twitter dicindo que «esta vez si» que será un home do espazo, reproducirá o mesmo voo que o propio Jeff Bezos realizou o pasado mes de xullo. Despegará desde Texas e estará no espazo, sen gravidade, pouco máis de 10 minutos. Ademais dun golpe publicitario, a súa fichaxe é en certo xeito unha homenaxe ao protagonista de Star Trek, unha serie de culto filmada hai máis de 50 anos que alimentou o soño da exploración espacial de numerosas xeracións.