O modelo carballés da xestión de biorresiduos clausura o proxecto europeo “Tropaverde”

Cedida

  • Carballo é un concello de referencia a nivel autonómico na implantación do colector marrón

A Directiva de Residuos establece unha serie de obrigas en materia de biorresiduos para os estados membros da UE, que deben impulsar a recollida selectiva con destino á compostaxe. Así, os concellos de máis de 20.000 habitantes están obrigados a implantar no ano 2022 este tipo de recollida co obxectivo de acadar unha redución do 50% no volume de residuos sólidos urbanos no ano 2030. Carballo quixo anticiparse a esa necesidade e agora o concello é “un referente a nivel autonómico e mesmo estatal na xestión da denominada quinta fracción”, sinalan desde a Administración local.

O modelo carballés serviu de exemplo na xornada final do proxecto europeo “Tropaverde”, que se celebrou esta semana en Santiago e que contou coa participación do concelleiro de Servizos, Luis Lamas, que compartiu escenario con Berta Rial, técnica do Departamento de Medio Ambiente do Concello de Santiago de Compostela, e Bruno de Llano, especialista na xestión local e autonómica.

Luis Lamas fixo un percorrido pola xestión en materia de residuos realizada polo concello dende o ano 2003, no que foi preciso elaborar un inventario de necesidades dada a precariedade dos servizos de recollida de lixo e limpeza e, sobre todo, traballar para implicar a veciñanza a través do lema “Carballo Limpo”, sinalou Lamas, “buscando deste xeito unha complicidade que foi vital en todas as medidas que viñeron despois”.

O obxectivo actual é ir máis alá creando unha nova marca: Carballo Sustentable, que identifica os pasos dados polos sucesivos gobernos municipais en materia de xestión dos servizos públicos, da mobilidade e a habitabilidade ou da participación veciñal. Un deses pasos, como explicou Luis Lamas, foi a aposta pola xestión sostible dos biorresiduos, dende o ano 2014 co Plan de Compostaxe Rural, no que xa participan 562 familias, e no último ano coa compostaxe urbana a través do programa Ti tes a chave, no que a día de hoxe hai máis de 1.500 familias e grandes produtores.