- Será o responsable dos desfiles de ‘Grandes Deseñadores’, ‘ArtEncaixe’ e os dos participantes do concurso de noveis deseñadores
A Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña continúa coa súa aposta pola promoción do talento local e comarcal e, nesta liña, vén de adxudicar a organización da pasarela da XXXI edición ao modelo internacional Damián Álvarez (imaxe do evento na edición anterior) e que recentemente creou ‘Gubem Event’, unha empresa dedicada á organización de eventos, produción de audiovisuais e publicidade, entre outras liñas de traballo.
Así, o modelo será o máximo responsable dos desfiles deste ano: ‘Grandes Deseñadores’, ‘ArtEncaixe’ e os dos participantes do concurso de noveis deseñadores. «Coa miña participación o ano pasado vin que o encaixe de Camariñas ten un potencial enorme a nivel galego, nacional e incluso internacional, e gustaríame darlle ese toque a maiores para achegalo á moda á que estou acostumado eu en Milán» explica Álvarez, quen traerá modelos galegos e internacionais.