A Xunta de Galicia e Correos veñen de acordar a instalación dun punto Citypaq para a recollida e envío de paquetes postais no Monte do Gozo. Trátase dun novo servizo especialmente pensado para os peregrinos que pasarán polas instalacións recentemente renovadas na entrada á cidade, tras culminar un proceso de posta en valor das súas instalacións por importe de preto de 7 millóns de euros.
O novo servizo encádrase na liña de recuperación dos espazos e servizos no Monte do Gozo e na cooperación con outras entidades como Correos, coa que se vén avanzando en varios proxectos de colaboración conxunta con motivo da celebración do Xacobeo 2021-2022, que implicarían distribución de produtos vencellados co Camiño a través de Correos Market ou envío de materiais promocionais.
O acordo de colaboración quedou confirmado trala xuntanza que mantivo a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, coa responsable de “El Camino con Correos”, Charo Calvo. Resta agora coñecer as necesidades loxísticas específicas para a posta en marcha deste novo punto Citypaq na meta do Camiño, que determinarán a data na que se poderá contar xa co servizo.
Cada un destes puntos Citypaq permiten ofrecer un servizo dixitalizado que facilita o envío e recollida de paquetes en moitos puntos diferentes como supermercados, gasolineiras, establecementos comerciais ou de restauración, algúns deles con horario continuado 24 horas ao día e outros con horario comercial. Correos conta xa con máis de 4000 caixas de paquetería Citypaq repartidas por todo o territorio nacional con máis de 150 delas en Galicia.