O monte Faro de Vimianzo acollerá o día 19 de outubro unha proba valedoira para o Campionato Galego de Trial

O monte Faro será, por segundo ano consecutivo o escenario dunha das probas valedoiras para o Campionato Galego de Trial, que achegará ata o municipio a centos de afeccionados deste deporte organizada polo Moto Club O Petouco en colaboración coa Federación Galega de Motociclismo e o Concello de Vimianzo.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Sergio Miñones, o técnico municipal desta área, Víctor Santos, e membros do club O Petouco, foron os encargados de presentar este venres a proba nun acto na sala de exposicións da Casa da Cultura que estivo moderado polo xornalista Alberto Mancebo.

O circuíto recibirá a competidores de distintas partes de toda Galicia a partir das 09:30 horas do 19 de outubro. Alí, as persoas participantes enfrontaranse ás rochas, barro e auga que se concentran neste espazo, poñendo ao límite as súas capacidades enriba da moto.

Trátase dun circuíto pechado dividido en 10 zonas sinalizadas ao que os pilotos deberán dar dúas voltas en cada unha das categorías establecidas: TR1, TR2, TR3, TR4, TR5; TR 4 e TR 5 infantil; e alevín. Ademais, haberá tamén categoría de Clásicas A e Clásicas B.

Desde a organización contan con que haxa “40 ou 45 participantes, que son os que acostuma haber noutras carreiras”. Tras o éxito do ano pasado, destacan que é “un enorme orgullo poder facer en Vimianzo esta proba e, desde logo, estamos moi contentos de que así sexa. Agardamos poder repetir as boas sensacións do ano pasado e que os motores do Campionato Galego de Trial treman aquí moitos anos máis”.

Pola súa parte, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, resaltou a “importancia de que Vimianzo volva acoller unha proba destas dimensións. Contamos cun lugar cunha xeografía privilexiada para practicar este deporte e agardamos que todo saia igual de ben que o ano pasado”.

O concelleiro de Deportes, Sergio Miñones, quixo agradecer “a implicación e o esforzo posto desde o Moto Club O Petouco para que agora poidamos presentar, por segundo ano consecutivo, esta proba”.

Related posts

O Plan Único da Deputación da Coruña acada os 138 millóns de euros, case 24 para a Costa da Morte

As agrupacións de Protección Civil de Carballo e Mazaricos entre as que recibiron scooters da Deputación da Coruña

O Concello de Carballo consegue financiamento europeo para un proxecto de case 11 millóns de euros