O mozo agredido na Coruña recibiu seis coiteladas cando defendía a un menor

1 minutes read

A Policía Nacional investiga o acoitelamento dun mozo de 18 anos no centro da Coruña, ocorrido pasadas as oito da tarde deste sábado. Os primeiros datos apuntan a que a vítima estaba con outros amigos nas pistas deportivas da praza de San Pablo cando foron abordados de xeito agresivo por un grupo duns quince adolescentes, entre os que podería haber menores de idade. Segundo relata a irmá da vítima nunha carta aberta difundida nas redes, «defendeu un dos seus amigos de 12 anos das ameazas e intentos de agresión deste grupo de salvaxes para que deixasen a pista de baloncesto na que levaban xogando un rato».

Foi entón cando lle asestaron, na rúa Médico Rodríguez, seis coiteladas, catro no brazo, unha no lombo e outra no abdome, «polas costas e do xeito máis mesquiño e covarde posible», engade o texto. O mozo, trasladado ao complexo hospitalario da Coruña con feridas graves, tivo que ser intervido cirurxicamente. Segundo confirma a Delegación do Goberno, foi dado de alta este domingo.

A Policía Nacional está a tomar declaración a posibles testemuñas para localizar o autor do acoitelamento e esclarecer o acontecido.