Alexéi Navalni, avogado, blogueiro e opositor ao réxime de Putin, era o disidente ruso máis coñecido no estranxeiro e destapou durante anos os escándalos de corrupción das elites rusa. Creou unha fundación coa que denunciar o sistema de nepotismo e corrupción en Rusia.
Navalni levaba entre reixas desde xaneiro de 2021, cando foi detido nada máis pisar un aeroporto de Moscova despois de varias semanas convalecente en Alemaña tras ser envelenado en Rusia co axente químico Novichok.
O activista morreu xusto un mes antes das eleccións presidenciais ás que concorrerá o presidente, Vladímir Putin, sen oposición.
Encarnaba a oposición a Putin
O inimigo do Kremlin que desafiou á morte, cumpría unha condena de 19 anos por extremismo e fraude. Navalni negou sistematicamente os cargos na súa contra, que os observadores internacionais consideraban en xeral como motivados politicamente.
Ata decembro do ano pasado, Navalni estivo encarcerado na rexión de Vladímir, no centro de Rusia. Con todo, os seus aliados perderon contacto con el durante case dúas semanas, ata que finalmente foi localizado o 25 de decembro en Yamalo-Nenets, unha remota colonia penal de máxima seguridade do Círculo Polar Ártico. O coñecido disidente sentiuse mal despois dunha camiñada e case inmediatamente despois perdeu o coñecemento.