O mundo do deporte lamenta o pasamento do “pai fundador do Breogán”

O CB Breogán está de loito polo falecemento de José Ramón Varela-Portas e Pardo. O primeiro presidente e fundador do club morreu aos 92 anos de idade. Xunto aos seus irmáns e outros emprendedores lucenses, foi un dos culpables do nacemento dun equipo con máis de medio século de existencia.

A Xunta de Galicia, a través do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de lamentar profundamente o pasamento de José Ramón Varela-Portas y Pardo, “pai fundador do Breogán e impulsor da Galicia empresarial e deportiva”. Grazas ao traballo deste enxeñeiro técnico agrícola e da súa familia, o Club Baloncesto Breogán de Lugo nacía en 1966 do que tamén foi o seu primeiro presidente. O mandatario galego traslada o pésame de todo o tecido deportivo á súa familia e a toda a afección breoganista.

A importancia de José Ramón Varela-Portas y Pardo para Galicia transcende o ámbito deportivo chegando a ser un importante empresario galego. Deste xeito, no ano 2011, a Xunta de Galicia concedeu as primeiras Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia a persoas e institucións polo seu labor de promoción e fomento do deporte e da educación física en Galicia. Entre os 38 galardoados destacaron José Ramón Varela-Portas e Pardo e Juan Varela-Portas e Pardo, este último, a título póstumo.