O Museo de Belas Artes da Coruña acollerá unha exposición con 68 obras de Picasso

2 minutes read

A exposición Picasso branco no recordo azul ultima a súa montaxe no Museo de Belas Artes da Coruña antes da súa inauguración o vindeiro xoves 23 de marzo. As 68 obras do artista xa están nas instalacións museísticas logo da súa chegada ao longo dos últimos días. Trátase da única mostra da Comunidade enmarcada na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, que conta con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España. 

O equipo técnico do Museo está a coordinar os traballos e supervisando a chegada de pezas baixo condicións de seguridade en coordinación coas institucións prestatarias. En total, son 35 as institucións nacionais e internacionais, así como coleccionistas privados, que ceden pezas como o Museo Picasso de Barcelona, a Fundación Almine y Bernard Ruiz-Picasso para el Arte (FABA), Musée National Picasso-París, Museo Picasso de Antibes, Museo Reina Sofía, Museo Picasso de Málaga, Museo Casa Natal de Picasso de Málaga, ABANCA, Concello da Coruña, Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, Deputación da Coruña, Fundación Camilo José Cela, Fundación Museo do Gravado e a estampa de Artes de Ribeira, Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e Museo da Universidade de Navarra.  

A inauguración oficial será este xoves 23 de marzo e un día despois abrirá ao público. Será o punto de partida a varios meses repletos de actividades entorno a esta mostra, a única exposición galega da quincena que se poderá ver en España no programa internacional co que España e Francia planifican ao redor de 50 exposicións e eventos en Europa e América do Norte para lembrar ao artista medio século despois da súa morte.

Formada por máis de 100 pezas, das que preto de 68 son da autoría de Picasso, a exposición está comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira, que desde marzo de 2021 traballaron de xeito conxunto coa directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas, e o equipo técnico-facultativo do museo.