O Museo de Belas Artes da Coruña ofrece o domingo 8 de abril o concerto Retrato de muller do guitarrista clásico tudense Samuel Diz, no marco do XXI Ciclo de concertos Música para unha época. A sesión terá lugar ás 12,00 no salón de actos do museo, con entrada libre ata completar a cabida, e poderá seguirse tamén a través da canle de YouTube.
Activo intérprete e investigador da música da primeira metade do século XX, o programa previsto por Samuel Diz para o domingo inclúe sete pezas. A súa participación no ciclo responde a unha das principais ilusións artísticas do autor, achegar a música aos espazos museísticos desde o rigor e a coherencia co legado custodiado e tratando a música como ben patrimonial en si mesma.
Tras arrancar o pasado marzo coa agrupación Vertixe sonora, o ciclo Música para unha época continúa o 8 de maio co dúo interdisciplinar Lab.51, formado pola soprano Johanna Vargas e a pianista Magdalena Cerezo. O principal obxectivo desta formación é transformar o concepto tradicional de Liedduo, xuntando a voz e o piano coa arte performativa e os recursos multimedia. Esta actuación pecha o ciclo organizado polo Museo de Belas Artes. Ademais, o centro súmase con esta última proposta ao Festival Resis de música contemporánea da Coruña, celebrado cada ano en diferentes espazos da cidade.