- Será ás 20.00 horas e poderá visitarse ata finais de abril
Ademais do almanaque de mesa deste 2022, o skyline publicado o 14 de febreiro ou o libro presentado días atrás, o traballo de recompilación e divulgación do patrimonio arquitectónico urbano de Carballo, realizado por Xaime Díaz Alonso, tamén poderá verse na exposición Carballo. Guía ilustrada de arquitectura que será inaugurada este mércores, ás 20.00 horas, no Museo de Bergantiños.
Ata o 30 de abril o patio interior do único edificio público do século XIX que se conserva na vila albergará 20 paneis que permiten realizar un percorrido pola arquitectura dos barrios urbanos e mesmo recrearse coas imaxes e os planos de edificios e espazos públicos xa desaparecidos como a Casa da Condesa, a capela da Estrela, os Baños Vellos ou o Paseo dos Tileiros. A mostra incluirá tamén unha serie de material complementario arredor do traballo realizado por Xaime Díaz Alonso coa colaboración de Diego Díaz Mosqueira e Clara Díaz Pan.
«Carballo. Guía ilustrada de arquitectura é o resultado de moitos anos de traballo e da sensibilidade especial do seu autor polo patrimonio, a cultura e a historia carballeses», sinalan desde o Consistorio. Unha sensibilidade que tamén comparte a cidadanía ao destacar a «excelente acollida que está tendo o libro, do que se levan repartido xa centos de exemplares». Os libros poden conseguirse, de balde e ata fin de existencias, na Biblioteca Rego da Balsa ou no propio Museo de Bergantiños.