Recibe o nome de Camiños por mar a Compostela, a nova proposta que se incorpora como exposición permanente ao Museo do Mar de Galicia. A través dela afóndase na importancia das peregrinacións marítimas e o fenómeno xacobeo.
Camiños por mar a Compostela amosa a evolución da peregrinación a través da historia e pon o foco na peregrinación, co fito da Traslatio do Apóstolo por mar. Todo o percorrido acompáñase cunha serie de pezas significativas de diferentes períodos e orixes, incluíndo desde ánforas e aras da antigüidade prerrománica, ata obxectos medievais e conxuntos barrocos, entre outras.
Outro dos aspectos destacados é a súa localización. Ademais do valor das súas pezas, esta mostra permitirá abrir ao público lugares que ata o momento non formaban parte da visita pública: a parte interior do castro de Punta do Muíño de Vento e a chimenea orixinal da antiga conserveira. Xunto a eles, poderase ver tamén unha embarcación de grandes dimensións que realizou un peregrinación a Compostela dende Irlanda e que lembra ás tradicionais embarcacións nórdicas.