O Museo do Mar de Vigo acolle ata o domingo o ciclo de concertos ‘Mar de mulleres’

Belém Tajes_Fonte: Elas son artistas

Tras a actuación do grupo de música tradicional Leilía será a quenda de Belém Tajes, quen, despois de ser vocalista con Luar na Libre e Vudú, presentará o seu proxecto no museo vigués mañá, ás 20,00 horas. Compartirá escenario con Su Garrido, cantante, música e compositora galega que abrangue diversos xéneros con matices de bossa, folk, jazz ou latin.

O concerto previsto para o sábado 27 será en horario de mañá, ás 12,00 horas, e estará protagonizado por Blues do País, a banda liderada por Bieitta James e que fai versións de clásicos do blues e do soul adaptadas á idiosincrasia e retranca galegas. Xunto a ela actuará o dúo Mallou, liderado por Sabela Bello, co seu novo proxecto no que reinterpreta a tradición da música popular de Galicia.

A viguesa Margarida Mariño, co seu primeiro traballo en solitario, e Mounqup, francesa residente en Galicia que apostou pola música en galego, poranlle o peche ao ciclo o domingo, tamén ao mediodía.