O músico Sergio Moure de Oteyza compón unha sinfonía dedicada a Carballo e Bergantiños 


Carballo terá unha sinfonía propia composta por un carballés, Sergio Moure de Oteyza, músico de prestixio internacional que naceu e viviu en Carballo ata os 13 anos de idade. Este martes, acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, presentou este importante proxecto cultural. No acto tamén estiveron presentes o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e a concelleira de Contratación, Milagros Lantes.  

Sergio Moure anunciou que xa está a traballar, coa intención de presentala na próxima primavera, nesta obra sinfónica de gran formato “dedicada a esta terra, lugar da miña infancia e dos meus recordos. Levo varios anos pensando e reflexionando sobre este proxecto, e ademais é algo que me pediu meu pai hai moitos anos, e penso que despois de máis vinte anos dedicados á música, e traballando con orquestras sinfónicas de España e do estranxeiro, sinto que é o momento de compoñela”. Hoxe, dixo o compositor, “é un día importante na miña profesión e na miña vida”.  

A concelleira Milagros Lantes aludiu ao currículo “envexable” de Sergio Moure, e cualificou o proxecto como interesante, importante e que dignifica Carballo e a comarca. “Eu se fose Sergio Moure estaría orgulloso de facer unha sinfonía para o meu pobo, e agardo que tamén poidamos implicar ao Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo neste proxecto”, engadiu. 

Pola súa banda, o alcalde agradeceu que Sergio Moure presentase esta proposta, sobre a cal non houbo por parte do goberno municipal nin a máis mínima dúbida. “Na xestión municipal hai que atender o urxente, pero tamén é importante acertar no importante”, dixo Evencio Ferrero. O rexedor lembrou a orixe carballesa do compositor e a vinculación cultural que tivo, de sempre, a súa familia. “Desas landras, e do sitio onde un deu os primeiros pasos e tivo as primeiras amizades, que queira deixar un legado coma este é moi de valorar. E agardamos que este proxecto, que a nós ilusiónanos tantísimo, tamén ilusione ao conxunto da sociedade carballesa e da comarca de Bergantiños”.