Nunha brillante tempada para o equipo Yacar Racing no Campionato de España de Autocrós, que finalizaba a pasada fin de semana no circuíto Cerro Negro de Talavera de la Reina, volvían conseguir dúas vitorias. O xa campión da División 1, Perfecto Calviño, lograba a súa sexta vitoria nas oito probas disputadas, mostrando un dominio absoluto sobre o resto de rivais. Non houbo tanta sorte en Car Cros, onde Javier Ramilo chegaba cunha remota opción ao título, pero unha picada e a rotura dun palier nas clasificatorias enviábanlle á final B que gañaba Darío Calviño e na que Ramilo era segundo, polo que ambos pasaban á final A na que Ramilo concluía noveno, asegurando a súa terceira praza final no campionato, e Calviño duodécimo.
En Car Cros Júnior, Roberto de Miguel facíase co seu primeiro triunfo na estrea co Yacarcross e onde Tommy Pintos volvía situarse no podio, coa segunda praza, o que lle permitía finalizar terceiro no campionato ao ronsel do xa campión Antonio Herrerías e do subcampión, Sergi Pérez, todos con Yacarcross. Tamén lograban un bo resultado en Car Cros Promoción, con Daniel Remuiñán facéndose co subcampeonato e Diego Pandelo coa terceira posición, mesmos postos que ocupaban na final de Cerro Negro na tempada do seu debut no Campionato de España.
Dobre vitoria no Rallymix Concello do Porriño
Tamén a pasada fin de semana disputábase a quinta proba do Campionato de Galicia de Rallymix na cal vencía o Yacarcross de Miguel Ángel García “ Maki”, logrando así a súa primeira vitoria absoluta. Ademais, destacaba o triunfo entre os Turismos de Gustavo Eslamiada-Francisco García, co Citroën C3 R5 de Yacar Racing e que o piloto canario tamén pilotaba por primeira vez para clasificarse na terceira posición da clasificación xeral, na que outro Yacarcross, o de Javier Senín, era cuarto completando así o podio da Clase A de Car Cros.