O Nadal chega a Compostela co acendido do alumeado


Arrancou o Nadal en Compostela co acendido da iluminación que marca o pistoletazo de saída a un amplo e variado programa de actividades para todos os públicos que recupera, tras dous anos de parón, a festa de Fin de Ano e a Cabalgata dos Reis Magos. A praza do Obradoiro acolleu o acto de acendido esta tarde que contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, os membros da Corporación e representantes das asociacións de veciños, hostalaría e comercio.

O Nadal en Compostela arrancou ás 18.30 h de hoxe co acendido das luces: 21 km de manto lumínico e arcos decorativos en varios zonas da cidade, fundamentalmente no Casco histórico e no Ensanche, os ámbitos comerciais máis importantes, pero tamén nos principais barrios e vías de entrada da zona urbana e nos edificios municipais e enclaves singulares.

A iluminación estará en funcionamento ata o mércores 6 de xaneiro de 2022 de acordo co seguinte horario de acendido: desde as 18:30 h ata as 1:00 h, agás os días 24, 25 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro, nos que a iluminación permanecerá acendida desde as 18:30 h ata as 9:00 h. Esta iluminación das rúas completarase coa que realiza Turismo de Santiago nos persoaxes senlleiros presentes na Alameda ou en edificios representativos como a fachada de San Domingos de Bonaval, ou a da Casa da Conga.