O Nadal de Vigo loce nos autobuses de Avanza


O alcalde, Abel Caballero, achegouse á contorna da Laxe para coñecer de preto o rotulado co que Avanza vestiu tres autocares do seu grupo. Son os que cobren a ruta de transporte de viaxeiros entre Madrid e Vigo, Madrid e Salamanca e Madrid e Valencia e locen un vinilo con imaxes das luces da cidade baixo o lema “Navidad de Vigo. La mejor del mundo”.

“É publicidade gratuíta” que pode verse circulando polas estradas españolas, apuntou o rexedor, que agradeceu “moito” a Avanza que permita que a cidade amose o seu Nadal, como fixo xa en ocasións anteriores. Incidiu tamén na importante presenza mediática da actividade navideña de Vigo malia non “dedicar nin un céntimo á publicidade do Nadal de Vigo”.

Abel Caballero referiuse á importante afluencia á cidade de visitantes procedentes de Portugal e explicou que a cidade volveu recibir miles de visitantes na xornada deste pasado martes. O Concello rexistrou a entrada de 56.800 vehículos, 3.900 máis que na xornada anterior e, tal e como explicou en rolda de prensa, o dispositivo de tráfico “foi ben para a densidade de tráfico que houbo, con algunha dificultade medible no mesmo centro, pero no resto da cidade funcionou e o propio centro foi exclusivo para peóns e accesos aos residentes”.

O alcalde amosou a súa satisfacción coa resposta que está a dar a cidadanía co Nadal: “Todo o mundo quere ser Vigo e agora todas as cidades poñen luces de Nadal”, concluíu.