O Nadal de Vigo terá case 12 millóns de luces led en 460 rúas

2 minutes read

A Porta do Sol foi o escenario este mércores do inicio da montaxe da iluminación de Nadal. O alcalde, Abel Caballero, achegouse ata a zona para saudar ao equipo de traballo da empresa Ximénez e arrancar coa instalación dos elementos luminosos.

O Nadal de 2025 terá case 12 millóns de luces led repartidos en 460 rúas, 40 máis que o ano pasado e tamén un número maior de leds superando o que xa fora récord o ano pasado. 7.000 motivos ornamentais engalanarán distintas zonas de Vigo cun Nadal que medrará a máis zonas da cidade como Vialia, Urzáiz e Bouzas. “Comezamos xa a montaxe porque todo está medido, estudado, planificado e organizado; non hai improvisación e xa traballamos no Nadal de dentro de dous e tres anos”, argumentou.

Como novidade o alcalde tamén anunciou que se mellorará a experiencia do turista con rutas planificadas, de tal xeito que se poderá optar por distintos itinerarios segundo os días que dure a viaxe.

O día do acendido aínda é un segredo, así como outras novidades que se desvelarán co avance dos días ata o día sinalado “que marca o inicio do Nadal en todo o planeta”. Caballero explicou a mellora ano tras ano do Nadal e dos efectos colaterais “porque temos moita aprendizaxe doutras edicións”.

Caballero puxo en valor o que Vigo conseguiu co Nadal, “que agora todas as cidades celebran estas datas, iluminan as súas rúas e iso é un orgullo do logro que fixemos como cidade”.

6,3 millóns de visitantes e máis de 800 millóns de euros de retorno económico

O alcalde augurou que Vigo “pulverizará o dato de visitantes do ano anterior” porque agora a cidade está mellor conectada, por exemplo co tren, coa redución de tempos en Alta Velocidade. Amais, tamén explicou que o Nadal atrae a familias que repiten ano tras ano, que toda Galicia visita a cidade nestas datas e que o norte de Portugal descubriu Vigo. “Os medios de comunicación sodes prescritores do Nadal, pero o boca a boca das persoas que nos visitan funciona moi ben”.

Sobre o retorno económico do Nadal de Vigo, Caballero estima unha cifra duns 800 millóns de euros. “Hai algo que é incalculable, que é o valor da imaxe de marca que xeramos en Vigo co Nadal”, concluíu.