O Nadal en tempos de coronavirus: ceas de seis persoas e toque de queda á 1

PIXABAY

  • No borrador elaborado polo Executivo tamén se recomenda que se eviten ou minimicen as reunións de non conviventes

Non hai nada definitivo, pero o Goberno xa ten preparado o borrador do plan para celebrar as festas do Nadal en plena pandemia polo coronavirus. No texto destacan a limitación a seis persoas nas reunións, ou o toque de queda ata as 01:00 horas os días 24 e 25, Noiteboa e Nadal respectivamente.

O borrador de ‘Propostas de medidas de saúde pública fronte á COVID-19 para a celebración das festas do Nadal’, ao que tivo acceso RTVE, será levado este mércores ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (SNS).

Cales son as medidas máis destacables?

O confinamento nocturno continuará durante todo o período do Nadal co toque de queda actual, tendo o conta o adoptado polas comunidades autónomas no seu momento, excepto os días 24 e 25 de decembro, cando a restrición á mobilidade estará fixada entre as 01:00 e as 06:00 horas.

En canto ás reunións familiares, o Goberno recomenda que se limiten no posible ao ámbito de conviventes estables. Se acode alguén externo, o máximo permitido será de seis persoas.

No borrador tamén se recomenda que eviten ou minimicen as reunións de non conviventes. De celebrarse, mellor que teñan lugar no exterior ou espazos abertos, sempre respectando todas as medidas de protección e hixiene. Outra recomendación é viaxar ou realizar desprazamentos só cando sexan estritamente necesarios.

Por suposto, no documento provisional tamén se fai un chamamento á responsabilidade individual: se un presenta síntomas, está pendente dos resultados dunha proba diagnóstica ou estivo en contacto cun positivo nos últimos 14 días, non debe acudir a ningunha reunión familiar ou social, xa que son os ámbitos nos que máis contaxios se producen.