O Náutico de Razo acolleu a primeira das xornadas sobre os Deportes do Mar

1 minutes read

O Náutico de Razo acollía este sábado a primeira das xornadas sobre os Deportes do Mar que se celebran dentro da Iniciativa dos Foros Espazos Xeradores de Cultura do proxecto Novemares organizado pola Fundación Eduardo Pondal no seo do GALP Costa da Morte, unha iniciativa que conta co apoio da Xunta e con respaldo de fondos Fempa. O acto contou coa presenza do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o concelleiro carballés e tamén vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, entre outros.

Villares, felicitou ás institucións participantes polo seu importante traballo na posta en valor do riquísimo e variado patrimonio cultural ligado ao litoral, ao igual que aplaudiu esta aposta por enxalzar o propio que vén do mar, desde a pesca á arquitectura, pasando pola gastronomía, as romarías, a literatura, o arte, a artesanía, deporte ou a lingua.

Alfonso Villares aplaudiu este orgullo de pertenza e aposta por unha remuda de futuro que lanzan desde Carballo, A Laracha, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo, Camariñas e Muxía, os concellos integrados no GALP Costa da Morte. Novemares é para o titular de Mar un exemplo perfecto de como os grupos de acción local constitúen un aliado perfecto na aposta da Xunta por preservar e activar todo o potencial deste patrimonio material e inmaterial a través do Plan da Cultura Marítima de Galicia. En canto ao GALP Costa da Morte que preside Evaristo Lareo, con Guillermo González na xerencia, desde 2016 desenvolveu 57 proxectos dos máis de 700 realizados en toda a comunidade polos GALP, cun investimento en axudas de máis de 5,3 millóns de euros. O colectivo está composto por 51 entidades, a quinta parte delas pertencentes ao sector pesqueiro.