O novo auditorio de Marín será punto de encontro entre a vangarda e o arquivo histórico-cultural


O novo auditorio de Marín será o punto de encontro entre a vangarda, as manifestacións culturais dos vindeiros anos e o legado histórico-cultural do concello. Así o puxeron de manifesto o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Marín, representado pola alcaldesa, María Ramallo.

Todos os presentes destacaron que esta colaboración tamén permite mellorar a oferta de equipamentos sociais e culturais no núcleo urbano, con déficit deste tipo de dotacións, ao tempo que se fomenta a rexeneración económica, social e ambiental das inmediacións da única zona industrial de Marín, o porto.

Cómpre lembrar que Marín conta cunha estratexia de desenvolvemento sustentable e integrado (Edusi) en que se recolle a construción dun equipamento sociocultural que na actualidade non existe, polo que coa súa construción se dá resposta a unha vella demanda. O edificio terá unha superficie total construída de 2.700 m2 e ubicarase nunha parcela entre o recinto portuario e a Escola Naval.