A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou que a nova normativa destaca pola súa simplificación e claridade de criterios e actualiza e renova a regulación vixente para os cámpings en Galicia. Entre as principais novidades, salienta a nova clasificación por estrelas, a creación de campamentos temáticos e tamén exclusivos para caravanas ou autocaravanas e a posibilidade de que as instalacións estables dos cámpings, como cabanas ou bungalós, podan ser tamén comercializadas por intermediarios como turoperadores.
Así, Galicia poderá contar agora con cámpings de unha, dúas, tres, catro e cinco estrelas, unha medida coa que a Xunta adapta a súa regulación á que está implantada noutras comunidades autónomas e noutros países da Unión Europea e que substitúe a anterior clasificación que os identificaba como superior, primeiro e segundo.
Proceso de adaptación
O decreto establece uns criterios en función dos equipamentos e servizos ofertados de xeito que por exemplo, os cámpings con maior número de estrelas deberán ofertar equipamentos como piscina exterior, parque infantil, salón de lecer ou xogos, lavadoras e lavalouzas ou servizos como restaurante, cafetería, supermercado, programas de animación ou servizos de gardería, entre outros. Como novidade, os requisitos de clasificación fixaranse agora en función do número de prazas e non de parcelas, como se facía ata o momento. Así, os servizos do cámping estarán mellor dimensionados tendo en conta o número de usuarios ao ser unha correspondencia máis exacta.
Para que os cámpings actuais se adapten á clasificación por estrelas, a normativa galega fixa un réxime transitorio de cinco anos. Polo tanto, de xeito inmediato os cámpings galegos en funcionamento poderán seguir facéndoo nas condicións nas que están autorizados sen necesidade de adaptarse ás prescricións deste decreto de xeito inminente, salvo as relativas á seguridade. No caso dos cámpings que pretendan un cambio de categoría ou realizar obras substanciais de ampliación ou rehabilitación que afecten á súa clasificación, si terán a obriga de adaptarse agora aos criterios da nova normativa. Neste caso, con carácter excepcional poden pedir dispensa daquelas condicións que resulten de imposible cumprimento cando concorran circunstancias que así o xustifiquen como poden ser a insalubridade ou a especial orografía.