O novo espazo Amizar da Coruña abrirá as portas antes do verán

Amizar en obras.

O novo Espazo Amizar da Coruña abrirá as súas portas xusto antes do verán como un gran centro sanitario, administrativo e social no que a Xunta inviste máis de 7 millóns de euros e que permitirá aforrar 750.000 euros anuais en alugueiros.

Trátase de recuperar para a vida pública, social e administrativa a antiga delegación da Consellería de Sanidade na cidade, case en desuso desde hai tempo.

O proxecto consiste na rehabilitación dun gran espazo administrativo composto por dous edificios, un con forma de prisma e cinco andares, e outro con forma ovalada e catro andares, conectados entre si nos diferentes niveis e cun patio interior moi luminoso.

Unha vez finalizadas as obras, a cidade disporá dunha nova gran área administrativa con 5.800 m² de superficie construída que se destinarán a ofrecer novos e mellores servizos desde este céntrico emprazamento.

No Novo Espazo Amizar situarase unha Oficina de Emprego, oficinas administrativas da Xunta que agora se atopan espalladas por outras zonas da cidade e locais para organizacións sanitarias e sociais sen ánimo de lucro.

Ademais disto, estas instalacións complétanse con outro edificio independente, situado na zona sur da parcela, que foi rehabilitado, tamén, co obxectivo de albergar a sede da Fundación Pública Emerxencias Sanitarias de Galicia 061.