Este martes, o alcalde, Abel Caballero, informou das grandes cifras que incorpora o planeamento municipal vigués para os próximos vinte ou trinta anos, horizonte estimado de vixencia dun Plan Xeral ata a entrada en vigor do seguinte.
Os investimentos previstos ascenden a 876 millóns, dos que os promotores privados abonarían 298, o Concello 295, a Xunta de Galicia 170,5 millóns, o Goberno de España 85 e a Deputación de Pontevedra, 27,5 millóns de euros. Esta contía, aclarou Caballero, só se corresponde á urbanización e transformación do solo e non inclúe, por exemplo, a construción de edificios ou de aparcadoiros soterrados.
A participación proposta para o Goberno de España corresponde, segundo trasladou o alcalde, á cobertura parcial da AP9 e á construción dunha glorieta á altura da Avenida Buenos Aires, ao tramo en Vigo da futura autovía A59 a Pontevedra, á humanización da Avenida de Madrid e ao novo acceso á zona portuaria de Rios, en Teis, que actualmente é “lamentable”.
No relativo ao goberno provincial, Vigo propón 27,5 millóns de investimento para os novos parques previstos no PXOM de incidencia supramunicipal, como os de Monte da Serra ou A Guía, para as novas zonas deportivas planificadas (en A Balsa, Oia ou Tomada) e para a mobilidade sostible e itinerarios peonís e ciclistas en vías de titularidade da Deputación.
Por último, Caballero explicou os 170,5 millóns asignados á Xunta de Galicia. A metade, 85 millóns, serían para actuacións en materia de augas, “no ámbito das súas competencias”, como colectores e tanques de tormenta, mentres que os 85,5 millóns restantes serían para mellorar vías de titularidade autonómica e outras de nova creación e incidencia supramunicipal.