O servizo municipal de bicicletas BiciCoruña sumou desde a súa renovación completa 1.196 altas das que 300 se corresponden con novos usuarios. O martes 12 de xullo instaláronse as novas bicicletas nas diferentes estacións da cidade e activouse a nova páxina web e a nova aplicación móbil.
Desde entón, o servizo recibiu numerosas altas, atraídas pola incorporación das bicicletas eléctricas. Desde o martes hai instalado un punto de información permanente na estación de BiciCoruña do Obelisco e persoal de EMVSA percorre de maneira itinerante o resto de estacións para resolver dúbidas das persoas usuarias. Ademais, o Concello tamén reforzou as súas redes sociais neste sentido para atender de maneira instantánea á cidadanía.
O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, confirmou que a próxima semana comezará a instalación de oito novas estacións de BiciCoruña. Trátase de Durmideiras, Mestranza, Cidade Escolar, Orillamar, Rolda de Nelle, Picavia, Ágora e Parque do Agra. Está previsto que antes de finalizar o ano sexan 55 as estacións dispoñibles para a cidadanía.