- Os traballos en temporada alta, do 1 de xuño ao 15 de setembro, realizaranse a diario
Este martes púxose en marcha o novo servizo de limpeza de praias en Carballo, do que se encargará a empresa Acciona Servicios Urbanos durante os próximos catro anos cun orzamento anual de 88.938,45 euros. O contrato inclúe os traballos manuais e mecánicos para a recollida de residuos nos areais e as súas zonas de influencia, así coma nas instalacións das praias, na fonte de Arnados, nas contornas da caseta das mariscadoras, e no local que ten Protección Civil no porto de Razo.
A intensidade dos labores de limpeza variará en función da época do ano e en temporada alta, do 1 de xuño ao 15 de setembro, os traballos realizaranse a diario.
Para poñer a punto das praias de cara ao inicio da temporada, os traballos que se realizan estes días son a montaxe de pasarelas, casetas e pontes; limpeza xeral con retirada de todos os residuos, adecuación do perfil da praia e corta de céspede. Ademais, procederase a un cribado da area, ao que seguirá a nivelación do areal e, por último, a colocación dos elementos necesarios para que se poida utilizar a praia.
A empresa tamén se fará cargo da renovación anual das certificacións ISO 14001 e EMAS, da dotación de auga corrente e subministro eléctrico, duchas e caseta na praia da Arnela, e a montaxe e desmontaxe de todos os elementos de madeira.