A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou este martes que a execución do novo tramo da Vía Ártabra permitirá un aforro de tempo do 33% no percorrido entre Oleiros e A Coruña, supoñendo unha mellora nas comunicacións dos veciños e un incremento da competitividade desta comarca. A conselleira destacou que, tendo en conta as expropiacións, a Xunta investirá 40 millóns de euros nos traballos destinados a prolongar a Vía Ártabra ata a AP-9, o que permitirá sacar o máximo rendemento ao investimento xa realizado de 70 millóns de euros nos treitos que xa están en servizo.
A conselleira lembrou que, ante as dificultades para conseguir as autorizacións necesarias por parte do Ministerio de Fomento para conectar coa AP-9, e para non demorar máis esta actuación, a Xunta decidiu avanzar neste primeiro treito, entre a N-VI e a estrada autonómica AC-221.
Trátase da construción do novo treito de 3 quilómetros de autovía libre de peaxe máis un quilómetro de conexión co polígono do Espírito Santo.
Vázquez Mourelle comprobou a pé de obra os primeiros avances na execución desta infraestrutura estratéxica para a área da Coruña, uns traballos que comezaron hai escasas semanas coa celebración a finais de xullo do levantamento de actas previas á ocupación.
Ethel Vázquez expresou que a conexión da Vía Ártabra coa AP-9 suporá un antes e un despois para a competitividade, a mobilidade e a seguridade viaria da área da Coruña. Un proxecto, concluíu, previsto no plan sectorial viario da Coruña, e aprobado pola Xunta no 2004, deseñado e avalado polos técnicos, seguindo criterios obxectivos baseados na seguridade e no menor impacto ambiental, como se recolleu no proxecto aprobado en 2009 polo Goberno bipartito da Xunta.