- O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, recolleron hoxe as impresións da veciñanza tras a execución das obras
O Castrillón, na parroquia de Lema, xa loce con outra imaxe. O concello de Carballo vén de investir algo máis de 210.000 euros no proxecto de conservación e mellora viaria do lugar, así como na pavimentación con formigón de todo o rueiro.
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse este mércores ata Castrillón, onde tiveron a ocasión de recoller as impresións da veciñanza tras a execución das obras. Os veciños e veciñas destacaron a importante mellora da accesibilidade e da mobilidade que supuxo a obra realizada, e aproveitaron para propoñer unha futura intervención no lavadoiro, que está moi deteriorado.
O Castrillón serve de miradoiro natural desde o que se divisa gran parte do termo municipal e acolle elementos patrimoniais protexidos, tanto de carácter arqueolóxico, coma o castro de Santa Irene, coma arquitectónico, como a capela, o cruceiro e un hórreo. Por estes valores arquitectónicos, paisaxísticos e medioambientais, o núcleo no seu conxunto está protexido no PXOM. Así, a intervención seguiu as pautas de Patrimonio este tipo de lugares.