- O servizo, que tamén atende aos concellos de Malpica e Ponteceso, pon a disposición das mulleres, de xeito gratuíto, todo tipo de recursos
O Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo atendeu o ano pasado a 296 mulleres, un 10,44% máis que no 2018. Cada vez son máis as mulleres que se deciden a pedir axuda ante as necesidades de carácter persoal, familiar ou laboral que xorden na súa vida. Unha traballadora social, unha psicóloga e unha avogada son as encargadas de intentar dar resposta a esas necesidades.
Os datos estatísticos revelan que o perfil tipo da usuaria do CIM é unha muller de 25 a 64 anos, casada, con estudos básicos e sen emprego. Ademais do número, o ano pasado aumentou tamén a franxa de idade das usuarias.
A maior parte das mulleres acoden ao CIM porque precisan atención psicolóxica. O ano pasado contabilizáronse 525 consultas por ese motivo. En segundo lugar figura o asesoramento xurídico, con 360 consultas. A atención a vítimas de violencia de xénero, con 68, constitúe o terceiro motivo das consultas. O servizo é individual, gratuíto e confidencial.
O CIM tamén presta asistencia xurídica para trámites de xustiza gratuíta, denuncias, separacións, sentenzas, dereitos laborais ou baixas e protección da maternidade e a paternidade. En calquera caso deberase pedir cita previa no edificio de Servizos Sociais, chamando aos teléfonos 981 700 688 ou 638 123 460, ou enviando un correo electrónico a cim@carballo.gal.