O Obradoiro abre a liga con vitoria


Comezaba a liga ACB nun Fontes do Sar sen público, o domingo 20 de setembro ás 22 horas. A mítica caldeira non podía ferver para o seu equipo, sen poder axudar a cociñar a vitoria, pola obrigación de xogar sen espectadores a causa do covid19. Isto, lonxe de amedrentar aos de Moncho Fernández, os enrabietó e motivou máis, se cabe, producindo un efecto martelo pilón, levando á marcadora santiaguesa a primeira vitoria na estrea da competición. Resultado final 101-82 ante un bo Fuenlabrada, que salvo no último cuarto, raiou a bo nivel e puxo en dificultades a un “intratable” Obradoiro. O luminoso non reflexo con xustiza o que foi o devir do encontro.

Comezaba o primeiro cuarto cun 22-26 para os fuenlabreños con Emegano (20 puntos e 3 rebotes), Trimble e Meindl (12 puntos no primeiro cuarto para acabar o partido con 18), destacados. O control absoluto do rebote e o acerto anotador era para os de verde.

O segundo cuarto empezaba cun guion parecido e a vantaxe visitante disparábase ata o 35-44 do minuto 17. Xurdiu entón a batuta e o acerto no triplo de Beliauskas (15 puntos, 4/7 en triplos e 16 de valoración) e un parcial de 12-0 daba a volta ao marcador, 47-44, para finalizar Robertson cun triplo que sinalaba o camiño aos vestiarios con 50-46 para os de Sar. O Obra era quen de sufrir e capaz de salvar os mobles.

Na continuación as cousas eran moi parecidas, o todopoderoso Birutis, mvp do partido e da primeira xornada de liga no seu debut, cuns estratosféricos rexistros: 27 puntos, 12 rebotes e 2 asistencias, para asinar 42 de valoración, consolidouse no amo e señor do partido. Obradoiro conseguira controlar o rebote e as axudas de Daum, Czerapowicz poñían o 58-51 preto do ecuador do terceiro cuarto. A pesar de todo, e cando a cousa pintaba de cor de rosa para os da capital de Galicia, o arreón de Fuenlabrada comandado por, novamente Emegano e Meindl poñían as táboas no luminoso. Fin do terceiro cuarto e 69-69 no partido. Todo por decidir.

O último cuarto empezou cun espellismo. Fuenlabrada conseguía as primeiras vantaxes, pero enseguida Obradoiro empezou o seu festival anotador. Entre *Álex Suárez e Robertson disparaban a renda a 6 puntos, aí acabouse o partido. Foi a escapada boa e o control do rebote consolidado para os galegos (35 por 28 visitantes) e o acerto anotador, cun 47% local en triplos: 16/34, por 26% visitante: 4/15, eran unha laxa demasiado pesada xa, para poder levantala. De aquí á conclusión só restaba por saber de cuantos puntos gañaría o Obra.

Gran partido de Obradoiro cun último cuarto de escándalo, parcial de 32-13 para acabar o partido con 101-82 para os de Santiago. Serviu para encumbrar a figura do lituano Birutis, un novo talento que alimenta as esperanzas locais de estar ante unha estrela emerxente. Grandísima interpretación coral do resto do equipo con Beliauskas, Robertson, Daum e Suárez imperiais. O sempiterno Oliver debuto con boas sensacións. Czerapowicz e Pozas achegaron traballo e bo xogo. Muñoz estivo pouco tempo en pista, aínda así, achegou. O único punto “regular” foi Steve Enoch, quen necesita tempo, pero que está, sen dúbida, chamado a ser un xogador importante.

Gran inicio, primeira vitoria e o anecdótico primeiro posto provisional na liga, que enche o zurrón da moral e outorga confianza para afrontar próximos encontros de forma óptima. Esperamos non caia na auto-compracencia e ser realistas, sabendo que gañar cada partido ACB é unha proeza.

Ora ben, na o ano do 50 aniversario, por que non soñar con chegar o máis alto posible. Copa do rei, play off son metas difíciles pero asumibles, sen esquecer que como sempre, o verdadeiro obxectivo é o título da permanencia.

Próxima estación, xoves 24 de setembro ás 21:45 horas, Manresa. Tarefa complicada, pero una das canchas fetiche para Obradoiro e que haberá que tratar de asaltar outra vez. Ganas, ilusión e moito ADN Obra, por suposto, non van faltar.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO