O Obradoiro cae en Mirivilla cunha pésima defensa


Á cuarta, caeu o Obradoiro. Perdeu a súa ata o de agora imbatibilidade en Mirivilla, ante Bilbao basket por 99-81, tras un partido desastroso a nivel defensivo. Así o resumía Moncho Fernández este pasado sábado tras finalizar o encontro: “o gran problema sen ningún tipo de dúbida, foi nosa defensa”, puntualizando na súa análise da retagarda: “primeiramente foi desastrosa desde un punto de vista táctico. Non fun capaz de darlle ao equipo as ferramentas necesarias para solucionar as vantaxes que o Bilbao xerounos…” Sinalando tamén o rebote como un aspecto clave. E é que os locais capturaron 36 por 19 os composteláns. Destes, moitos ofensivos, dando segundas e ata terceiras oportunidades aos homes de negro.

Comezaba o partido coa lesión de Mike Daum pouco antes do minuto 2, cunha probable escordadura no nocello esquerdo. Mal agoiro pois o de Nebraska anotara 2 puntos, capturado un rebote e roubado un balón no seu escasísimo tempo en pista.

A pesar de todo, Obradoiro comezaba o primeiro cuarto coa inercia que lle daba o só coñecer a vitoria ata a data, e baixo a batuta de Pozas (6 puntos, 8 asistencias e 10 de valoración), quen daba fluidez ao ataque visitante, axudado polos triplos de Czerapowicz e un bo arranque de Enoch, poñían o 12-18 no luminoso no minuto 7. Para acabar o cuarto cun esperanzador 19-22 para os de Santiago.

Resultou ser un espellismo. O segundo cuarto foi un monólogo para os de *Álex Mumbrú. Comezaba o Obra o seu peor cuarto no que levamos de liga con tres segundos en zona, unha persoal en ataque de Enoch, fallos en tiros cómodos de Cohen e unha perda de balón de Oliver. Concatenación de erros e desacertos aos que se lle engadía o acerto ofensivo de Bilbao basket.

Anotaban 5 triplos de 7, liberándose así dos problemas que teñen os vascos cando fallan o lanzamento exterior. Balvin (13 puntos, 7 rebotes e 23 de valoración) consolidábase como un xigante na pintura. Rouselle (16 puntos, 4 rebotes e 5 asistencias, 18 de valoración) e, sobre todo, mvp Hakanson (12 puntos, 4 rebotes e 10 asistencias, para asinar 24 de valoración) poñían as cousas moi difíciles ao cadro galego. 28-12 no cuarto sinalaban o camiño a vestiarios cunha desvantaxe de 14 puntos, 47-34 para os de negro.

Tentouno Obradoiro no segundo tempo, anotaba Robertson (17 puntos, 5/7 en triplos, 2 rebotes e 10 de valoración) de tres, importantes canastras. Pero era tamén capaz de fallar 3 tiros libres seguidos tras falta nun lanzamento triplo a pouco de empezar o terceiro cuarto. Enrabietado, era quen de anotar outro triplo na xogada seguinte. E é que Obradoiro fallou 8 tiros libres, 15/23, demasiados para gañar a este nivel. Birutis onte non estivo fino, e era Czerapowicz cun 3+1 e Enoch anotando a continuación quen axustaba o encontro, 60-54 no minuto 28, 6 de diferenza e un mundo por xogar. Concluía o cuarto con 22-26 para Obradoiro no parcial, e vitoria vasca 69-60 no minuto 30.

Nove puntos arriba Bilbao e novo desastre defensivo visitante no último cuarto. Rebotes ofensivos locais, cortes e penetracións con acerto. Os bases locais sempre acertaban na toma de decisións, atopaban solucións e os de Álex Mumbrú anotaban con fluidez.30-21 de parcial e fin do partido, 99-81.

Primeira derrota da tempada e moitos aspectos por mellorar para os de Santiago. Axustar a defensa, aumentar a intensidade, pechar o rebote, anotar tiros libres e controlar perdas de balón son as materias para repasar, e moito.

A pesar de todo, o aspecto ofensivo non estivo mal, e así o sinalaba o coach de Pontepedriña. O problema é que tivo enfronte a un equipo que foi capaz, non só de anotar 1,28 puntos por tiro de campo, 1,46 por posesión, senón tamén de capturar o 74,19 % de rebotes defensivos e 57,14% dos ofensivos.

Non haberá festexo o luns, no día dos seus 50 aniversarios co mellor arrinque ACB, pero se cun excelente arranque e a ilusión intacta. 3 de 4 son números sensacionais e hai que seguir pelexando.

Próximo partido, o poderosísimo Real Madrid, campión de todo e un súper equipo. Será o domingo 11 de outubro, ás 12.30 h, na capital de España. Difícil papeleta para Obradoiro pero, hai que xogar e todo pode pasar.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO