Trátase dun obradoiro que promove a Xunta en colaboración cos concellos de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras, Paderne e Sada cun investimento próximo aos 350.000 euros. Este programa permitirá a formación e o acceso no sector laboral de 20 persoas sen emprego.
As alumnas e alumnos recibirán cualificación en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, ao tempo que acceden durante os nove meses que dura a formación a un contrato laboral. Ao remate do obradoiro, ademais, terán opción a un traballo nunha empresa da contorna durante ao menos tres meses.
Durante os nove meses, os participantes nesta iniciativa desenvolverán, ademais, un servizo á comunidade, xa que , entre outras actuacións, desenvolverán a repoboación e conservación do monte situado no lugar de Casas Grandes; a mellora de diversas fincas forestais; e a limpeza e acondicionamento do camiño forestal de Beldoña ou da área do Marco das Eiras. Así mesmo, levarán a cabo o mantemento e conservación de zonas verdes no entorno da Casa do Concello, da Policía, do edificio de Servizos Sociais e da Casa de Cultura, en Bergondo.