O obradoiro de emprego A Laracha VII renova o exterior do antigo matadoiro municipal

Concello da Laracha

  • As actuacións son realizadas polo alumnado da especialidade de ‘Pintura industrial en construción

A especialidade de ‘Pintura industrial en construción’ do obradoiro de emprego A Laracha VII está a renovar o exterior do edificio do antigo matadoiro municipal, hoxe reconvertido nun almacén que está a disposición do Concello.

Os traballos comezaron coa limpeza integral das fachadas do inmoble e o selado das fisuras e gretas. Agora estase procedendo á aplicación da pintura mentres que se reparan os portais e reixas das ventás.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, acudiron ata o lugar das actuacións para manter unha reunión coa directora, o mestre da especialidade e o alumnado traballador para interesarse polo desenvolvemento das intervencións.

Esta será a última actuación que realizará a especialidade de ‘Pintura industrial en construción’ antes de que o xoves 28 de xullo conclúa o programa impulsado polo Concello e a Xunta de Galicia. Sen embargo, os alumnos, como complemento a unha das unidades formativas, realizarán ata esa data unha visita formativa a unha empresa especializada na fabricación e venta de mobiliario de metacrilato, latón, aceiro e ferro.

A especialidade de ‘Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais’ rematará esta semana as prácticas nos centros residenciais da Laracha, Arteixo e A Coruña, onde están a adquirir novos coñecementos para ampliar as súas competencias profesionais.