O obradoiro de emprego A Laracha X afrontará nas próximas semanas unha nova etapa co inicio das intervencións sobre o terreo que formarán parte da fase práctica. A previsión é que na segunda quincena de setembro comecen os primeiros traballos na área recreativa de Gabenlle e no paseo fluvial do Anllóns, dúas das actuacións de maior relevancia das previstas dentro deste programa dual de formación e emprego que promove o Concello co apoio económico da Xunta de Galicia.
Durante os primeiros dous meses do obradoiro, as vinte persoas participantes -dez en cada unha das dúas especialidades: instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e traballos de carpintería e moble- recibiron a formación teórica correspondente, combinada xa coa realización de traballos prácticos no propio taller do centro formativo municipal, onde o alumnado está a preparar parte dos materiais que posteriormente serán empregados nas intervencións que se levarán a cabo en diferentes espazos públicos do municipio.
Precisamente para avanzar na planificación desta nova fase, o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, mantiveron unha reunión en Gabenlle coa directora do obradoiro e cos mestres responsables das dúas especialidades. O encontro permitiu abordar os traballos previstos e coordinar o inicio das actuacións neses espazos nos que o alumnado poñerá en práctica sobre o terreo os coñecementos adquiridos durante a formación.
Na área recreativa de Gabenlle está prevista a renovación das dúas pontes de madeira sobre o río Anllóns que comunican as dúas zonas do espazo de lecer. De forma paralela, tamén realizarán traballos de mellora no paseo fluvial do Anllóns, cunha actuación de certa envergadura en determinados tramos que presentan un maior desgaste e nos que é necesario renovar e reforzar a estrutura.
A programación destas actuacións para a segunda quincena de setembro, unha vez rematado o verán, responde tamén ao obxectivo de reducir as molestias ás persoas usuarias de ambos espazos. A execución dos traballos no paseo fluvial implicará cortes de acceso en determinados tramos, que se irán indicando e sinalizando a medida que se vaian desenvolvendo as diferentes fases das obras.
Estas intervencións forman parte do conxunto de actuacións que desenvolverá o obradoiro de emprego A Laracha X durante a súa fase práctica. Tamén se contemplan melloras nos parques das prazas do Concello, O Recreo e da Cultura (todas no núcleo urbano da Laracha); o axardinamento da contorna da reitoral de Montemaior; a adecuación da área verde da urbanización Monte Claro (Cabovilaño); e a instalación de novo mobiliario urbano en diferentes localizacións.
O obradoiro de emprego A Laracha X ten unha duración de nove meses e un orzamento de 673.000 euros. Os vinte alumnos traballadores participantes están vinculadas ao Concello mediante un contrato de formación, polo que durante o desenvolvemento do programa combinan aprendizaxe teórica e práctica cunha experiencia laboral asociada á realización de actuacións de interese xeral para o municipio.
Ao remate do obradoiro, e sempre que superen satisfactoriamente a formación, obterán o correspondente certificado de profesionalidade, acreditando así a cualificación adquirida nas súas respectivas especialidades para favorecer a súa inserción no mercado laboral.
