O obradoiro de emprego da Laracha comezou a actuar no centro sociocultural de Paiosaco


O obradoiro de emprego A Laracha V, o programa dual de formación e emprego promovido e financiado polo Concello e a Xunta de Galicia, continúa desenvolvendo a súa actividade práctica. Participan vinte alumnos traballadores –dez en cada unha das dúas especialidades-, ademais das cinco persoas que forman o equipo directivo, docente e administrativo.

A especialidade de pintura industrial está a traballar no centro sociocultural de Paiosaco, onde realizan unha ampla intervención tanto no exterior como no interior das instalacións. As actuacións comezaron nas diferentes salas do interior do edificio –centro social da terceira idade, biblioteca e aulas- e nas zonas comúns –recibidor, canón das escaleiras de acceso ao salón de actos, etc.-. Agora estase intervindo, simultaneamente, nas fachadas exteriores, que están a ser obxecto dunha limpeza integral, e a continuación, aplicaráselles fibra reparadora e unha nova pintura de caucho impermeabilizante. Tamén se realizarán traballos de similares características no acceso principal, incluíndo tanto a marquesiña da entrada como o muro da rampla.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, acudiron a Paiosaco para manter un encontro co alumnado traballador e o persoal docente e interesarse polo desenvolvemento dos traballos.

Esta especialidade de pintura xa realizara outras intervencións na Casa da Cultura, edificio administrativo e Casa do Concello. Mentres, a outra especialidade, a de carpintería de madeira, centra a súa actividade na renovación da pasarela do paseo fluvial do Anllóns.

O obradoiro de emprego A Laracha V, que rematará no mes de decembro, ten un orzamento total de 863.000 euros. O Concello e a Xunta de Galicia continúan apostando por estes programas duais de formación e emprego que permiten aos alumnos-traballadores acceder a unha remuneración económica durante o seu desenvolvemento, aprender unha profesión e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza do termo municipal. Ao completar de xeito óptimo a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.