O obradoiro de emprego de Santa Comba formará a 20 novos alumnos

Este venres tivo lugar a apertura do obradoiro de emprego de Santa Comba, compartido con A Baña, Negreira e Val do Dubra que oferta 20 prazas para formar a 10 alumnos en Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e a outros 10 en Instalación de Elementos de Carpintaría. Este obradoiro de emprego conta cun orzamento de 336.000 euros.

Os participantes neste taller de formación e emprego dual poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.

Concretamente, en conservación e mellora de montes levaranse a cabo limpezas e acondicionamentos en fincas municipais, zonas verdes, áreas recreativas, pistas deportivas, masas comúns, campos de fútbol e camiños en todos os concellos participantes.

Pola súa banda, os alumnos de carpintaría farán o deseño e a fabricación de elementos de madeira de fiestras, portas e infraestruturas para o centro de formación de Santa Comba. Tamén fabricarán revestimentos de contedores de lixo e estruturas de mobiliario para parques infantís. En Negreira están previstas actuacións de colocación de tarima no edificio multiusos, melloras na aula de música da Casa da Cultura e actuacións na aula do IESP do Coto.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha