A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou en Oleiros na clausura do obradoiro Acondicionamento do parque Finca Tenreiro, que estes programas mixtos de emprego e formación permiten abrir novas oportunidades laborais aos seus participantes. Neste caso, Lorenzana sinalou que catro empresas da contorna posibilitarán que as alumnas e alumnos que obteñan o certificado de profesionalidade ao rematar a iniciativa poidan completar a súa inserción laboral nas súas compañías.
No programa de Oleiros, un total de 20 persoas desempregadas completaron a súa formación e obtiveron un contrato laboral nas especialidades de Fábricas de albanelería e Traballos de carpintería e moble. Esta cualificación permitiu que se restaurara o edificio principal da finca Tenreiro que se converterá nun albergue xuvenil cando conclúan os traballos.
Os obradoiros, deste xeito, permiten non só mellorar a formación das persoas sen emprego e optar a un contrato laboral, senón que posibilitan a mellora de espazos públicos. “A través deste tipo de programas todos saímos gañando: os participantes, as empresas e a contorna da que forma parte o obradoiro”, subliñou Lorenzana.