O obradoiro do Barbanza ofreceu formación especializada en albanelería a 13 persoas

1 minutes read

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou en Ribeira o obradoiro xuvenil de emprego Serra do Barbanza que permitiu, grazas á colaboración entre as administracións autonómica e local, que trece mozas e mozos recibiran formación especializada e accederan a un contrato durante 12 meses. O programa mixto de formación e emprego, que contou cun investimento da Xunta próximo aos 370.000 euros, permitiu, ademais, desenvolver diversas melloras en espazos públicos de Ribeira e Porto do Son.

A conselleira, na súa intervención, salientou que formación e emprego deben ir da man “porque só a través dunha formación adaptada ás necesidades laborais actuais impulsaremos un emprego con garantías e de proximidade, vencellado ás particularidades da nosa contorna”, apuntou.

Así, indicou que o Goberno galego mantén o seu compromiso con programas como os obradoiros que, segundo explicou, a través da formación e do emprego brindan opcións que combinan teoría e práctica profesional e facilitan novas oportunidades reais de inserción laboral á mocidade.

Lorenzana apuntou, así mesmo, que a formación que ofrecen os obradoiros de emprego redundan no acceso a un posto de traballo “no que os alumnos e alumnas poden seguir aportando o seu talento a Galicia”.