O Obradoiro perde pola mínima ante o Valencia e o Instant Replay


Derrota de Obradoiro, este martes ante Valencia basket por 77-78, nun emocionante final. A canastra, a priori gañadora de Robertson, quedou invalidada polo instant replay, tras demostrar que o balón aínda non saíra da man do canadense co taboleiro xa en vermello. Primeiro partido perdido e derrota das que escuecen, tanto pola décima de segundo que faltou, como pola remontada táctica que o coach local provocara.

Optaba Ponsarnau de saída por un quinteto pouco habitual para reservar ás súas primeiros espadas. Con todo, Marinkovic e Pradilla (16 puntos, 3 rebotes e 13 de valoración) daban as primeiras vantaxes ao conxunto taronja, 4-12 no minuto 6, ademais de parar defensivamente ao pivote do equipo santiagués Birutis. Tempo morto de Moncho Fernández e reacción Obradoirista. Mellora na circulación de balón, que estaba a ser moi ben cortocircuitada polos de laranxa e 5 triplos ( Robertson e o tándem Beliauskas- Cohen con 2 cada un). Fin de primeiro cuarto con vantaxe local, 21-19.

O segundo cuarto foi moito máis físico, e aí mandaba Valencia con Dubljevic (10 puntos, 5 rebotes, 2 asistencias e 17 de valoración) ao temón e os triplos de Marinkovic (14 puntos con 4/5 en triplos, 1 asistencia e 8 de valoración). As perdas do Obra eran máis que suficientes. A pesar de todo, o equipo galego defendía ben, evitando un desastre maiúsculo, pero que coa pouca anotación (12 puntos no cuarto) non “conseguiu” máis que irse a vestiarios 6 puntos abaixo, 33-39.

Tras o descanso, Birutis (14 puntos, 4 rebotes, 1 asistencia e 20 de valoración) e o onte mvp, Jake Cohen (17 puntos, 8 rebotes, 1 asistencia, para asinar a sensacional cifra de 29 unidades de valoración), lideraban a remontada santiaguesa, 47-46 no minuto 25. Respondía o prometedor Pradilla con 10 puntos no terceiro cuarto. Gañaba o Obra o parcial por 4 puntos, 22-18, deixando o encontro nunha mínima vantaxe para o equipo valenciano, 55-57.

O último cuarto endureceuse, Czerapowicz lograba penetracións que poñían as táboas no luminoso, 59-59 no minuto 32. Mentres que Tobey (11 puntos, 13 rebotes, 1 asistencia e 12 de valoración) loitaba ata a extenuación, arrincando rebotes e canastras moi pelexadas, con segundas oportunidades e mesmo algunha terceira. Custáballe ao Obradoiro moi caro en puntos e Valencia íase de 6, 64-70 no minuto 37. Parecía que os de Ponsarnau collían a escapada boa pero aí xurdiu a lousa do coach dá Pontepedriña. Tempo morto no que Moncho Fernández realizou unha brillante xogada táctica: sentou a Birutis e puxo a Cohen de 5 axudado por Álex Suárez e con Oliver de base. Triplo e posterior canastra do ex macabeo axustaban o electrónico cun parcial de 5-0 en apenas 45 segundos, 69-70. A continuación triplo de Oliver e un tiro libre taronja deixaban o partido nun trepidante 72-71, minuto 38.

Intercambio de triplos por ambos os bandos e 2 puntos arriba para os galegos entrando no último minuto, 76-74. Williams volve poñer as táboas e todo por resolver, 76-76. Falta persoal a Oliver quen, desafortunadamente, erraba o primeiro. Canastra posterior tras novo rebote ofensivo de Dubljevic deixaban o partido para os visitantes en 77-78 con 3 segundos por xogar. E tívoa Obradoiro, penetración de Robertson, a quen lle faltou unha décima de segundo para dar validez á súa última canastra que o instant replay anulou con acerto, dando a vitoria a Valencia basket.

Unha das claves do partido, ademais dos pequenos detalles, estivo no apartado reboteador, 32 locais por 40 visitantes. A pesar diso, o realmente definitorio estivo nas 18 capturas ofensivas que lastraron a Obradoiro e impediron unha maior produción defensiva e rotura de ritmo.

Bo partido de ambos os conxuntos e un deses finais en que a moeda ao aire, esta vez, saíu cruz. Pero que en nada desmerecen non só o bo xogo compostelán, senón tamén o excelso arranque con 5 vitorias e 3 derrotas. Esta última, a primeira nun Sar, novamente sen público por obra e graza da pandemia que nos está arrasando.

Próximo partido, domingo 1 de novembro, día de defuntos, en Málaga ás 12:30 horas #ante Unicaja. Agardamos polas datas, a premonitoria defunción deportiva do equipo andaluz ante Obradoiro, e que teñamos un vitorioso Halloween.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO