O oficio azulgrana tumba a un digno Obradoiro


Derrota de Obradoiro fronte ao Fc. Barcelona por 76 a 70, en partido disputado o pasado xoves nun Palau blau grana sen público. Seis puntos abaixo para un conxunto santiagués que pelexou a vitoria e que, de contar con máis acerto nos últimos minutos do cuarto definitivo, quizais trouxese a vitoria á súa casa.

Enfronte de Obradoiro un transatlántico de Euroliga que conta cun persoal confeccionado para dominar Europa, a cal, ademais, acábase de clasificar para disputar a Final four que coroa ao campión continental.

Había dúbidas sobre que Barcelona iamos atopar, ben o autocomplaciente, o canso por cinco partidos de cuartos de final, ou o peleón que non quere perder nin ás chapas. E este último foi o que saltou ao parqué do Palau. Máxime co plantillón que posúe, con 3 fichas desactivadas que pode manexar activándoas antes das 14 horas do día do partido, a vontade, e así dosificar e optimizar máis se cabe os esforzos. Contando sempre con xogadores de máximo nivel.

Arrincaba o encontro coa igualdade como tónica dominante. Un Barca dominador do xogo interior cun destacado Pau Gasol (12 puntos, 3 rebotes, 1 asistencia e 19 de valoración), rotacións constantes e un Obradoiro encomendado ao lanzamento de tres, contando con tres acertos que lle sostiñan no encontro. Un triplo blaugrana de Smits deixaba o primeiro acto nun pírrico 18-17 para os cataláns.

O segundo cuarto comezou coa segunda unidade blaugrana mordendo en defensa. Parcial de 9-0 e Moncho Fernández que se vía obrigado a pedir tempo morto con 27 a 20 no minuto 14, tras tan só unha canastra en 4 minutos con 2 tiros libres de Czerapowicz (14 puntos, 4 rebotes, 2 asistencias e 17 de valoración), quen volveu a calar unha gran actuación.

Acendíanse as alarmas con Westerman (14 puntos, 3 rebotes, 2 asistencias e 14 de valoración) facendo das súas e ampliando a vantaxe aos 10 puntos e o perigo de romper o partido no minuto 18 con 34-24. Obradoiro encomendouse a Daum (9 puntos, 3 rebotes, 1 asistencia e 4 de valoración) e Enoch (17 puntos, 8 rebotes e 1 asistencia para asinar 18 unidades de valoración), evitando que os locais rompesen a barreira dos 10 puntos e coas súas canastras enfilaron o túnel de vestiarios con 36-28.

Tras o descanso apareceu o base turco Ozmizrak (8 puntos, 1 rebote, 1 asistencia e 6 de valoración), quen con 5 puntos consecutivos apertaba o marcador, 36-33 no minuto 22.

Resposta inmediata do Barca cunha defensa que non admitía concesións, sen fisuras e correndo. Aí xorde Mirotic (11 puntos, 9 rebotes e 13 de valoración) e o lóstrego Bolmaro (10 puntos, 3 rebotes, 3 asistencias e 13 de valoración) para situar o marcador nun alarmante 53-37 no minuto 27. Dezaseis puntos de vantaxe que parecía comezaban a deseñar o epitafio santiagués. Con todo, Obradoiro, como afai facer, volveu. Seguiu pelexando e da man de Enoch e Czerapowicz axustaron o marcador a 9 puntos de diferenza, 57-48. Deixando a posibilidade de remontada para o último cuarto.

Último acto onde Obradoiro subiu a intensidade do seu defensa, forzando ao Barca a fallar os seus tiros ao límite da posesión. Daum e Enoch anotaban na pintura e comprimían o electrónico ao máximo, 62-60. Os de Jasikevicius vían perigar a súa vitoria, pero non se puxeron nerviosos e moveron o balón con paciencia e criterio. Á vez que defendían e atopaban o acerto nas mans dun sensacional Abrines (11 puntos, 6 rebotes, 2 asistencias e 19 de valoración). Parcial de 12-5 e a vantaxe do equipo barcelonés era xa de 9 puntos, 74-65 minuto 39. Os galegos erraran os seus tres últimos intentos de 3, mentres que os locais, non. E aí estivo o partido. Faltou o acerto final que puxese ao Barca contra as cordas. Último arreón compostelán que anotaba canastras de 2 e en tiros libres, para pechar o partido cun moi digno 76-70 para un conxunto blaugrana no que tan só Mirotic, cobra o dobre que todo o cadro de persoal Obradoirista.

Sen tempo para lamentacións, Obradoiro viaxa a Madrid onde o domingo se enfronta a un necesitado Estudiantes. De gañar chegaría a certificación matemática dunha permanencia que, aínda que ten encarrilada, non pechada definitivamente.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO