Aínda non ten os 30 anos, pero AlBerto Añón ten unha longa traxectoria no mundo da olaría. Dende moi neno foi collendo o testigo do seu pai Xosé Antonio, delineante industrial, pero que no seu día decidiu tamén seguir os pasos do seu avó e do seu bisavó paternos e decantarse pola olaría, chegando a ser fai máis dunha década presidente da asociación oleira de Buño. Sempre quixo que algún dos seus fillos seguise os seus pasos e o seu soño viuse cumprido cando Alberto comezou a formarse con el. De tal pau tal acha, Alberto Añón Corral gañou este mércores, nos premios Artesanía de Galicia 2023, o premio Bolsa Eloy Gesto 2023, e que o torno siga xirando. Esta categoría é un impulso para os oleiros e oleiras máis novas, apoiándose a súa formación con 4.000 euros para investir nun centro de formación. Alberto estivo acompañado, entre outros, polo alcalde de Malpica Eduardo Parga.