O orzamento da Deputación da Coruña alcanza os 184,5 M€

As contas de 2021 foron presentadas en rolda de prensa na sede da Deputación polo presidente, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado responsable da área de Economía e Facenda, Antonio Leira. Os Orzamentos para 2021 ascenden a 184.500.000 euros (un 0,26% máis que no presente exercicio), e que serán «os máis sociais da historia da institución», segundo afirmou o presidente provincial, que destacou como principal obxectivo apuntalar «a reactivación social e económica na provincia» tras a Covid-19.

González Formoso, detallou que o investimento na área social incrementarase o vindeiro ano máis dun 137%, pasando de 11,8 a 27,4 millóns de euros, e que os diferentes programas e plans provinciais «impulsarán a creación de 3.500 empregos directos» na provincia da Coruña.

O vicepresidente, Xosé Regueira, destacou o compromiso cuns concellos que, a partir do vindeiro venres 27, van coñecer a transferencia que recibirán da Deputación da Coruña e que, sen excepción, será maior que a do exercicio anterior. «Vailles permitir planificar e dar prioridade ao modelo de gobernanza que terán que aplicar nun ano tan especial, o que non acontece con ningún outro orzamento de ningunha administración pública, nin a Xunta nin o Estado», sinalou Xosé Regueira na súa intervención.

Pola súa banda, o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, destacou tamén que se trata dun «orzamento social» que trata de dar resposta «a un momento coma o que estamos» e incidiu en aspectos coma o mantemento da «débeda cero» ou non subir os impostos.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha