O orzamento da Deputación da Coruña supera os 222 millóns de euros

A Deputación da Coruña contará en 2024 cun orzamento de 222.151.200 euros, o máis alto da historia da institución e un 7,2 % superior ao do actual exercicio.

Así o explicaron este luns o presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso; o vicepresidente Xosé Regueira, e o deputado de Facenda, José Ramón Rioboo, na rolda de prensa de presentación das contas da institución provincial para o vindeiro ano.

Formoso destacou que este orzamento récord é a folla de ruta que define as políticas do goberno provincial para o vindeiro ano e que 2024 «terá como principais prioridades a creación de emprego, o benestar social e o desenvolvemento do rural».

Prioridades que se reflicten nun «orzamento que expresa unha mirada cara adiante, de progreso na provincia» resaltou Regueira, e que «presenta unha mellora na calidade de vida e nas oportunidades de todas as persoas».

Os orzamentos da Deputación da Coruña para 2024 están dirixidos a desenvolver o gran potencial co que conta a nosa provincia e a crear un escenario de oportunidades para as novas xeracións de coruñeses e coruñesas, especialmente no rural, co ambicioso obxectivo de vencer o reto poboacional e demográfico. Neste sentido, Formoso destacou «a gran importancia de programas coma o Plan Único de Obras e Servizos (POS+) ou o Plan de Emprego Local (PEL), que nos últimos anos foron fundamentais para a creación de emprego, infraestruturas e oportunidades, en particular nos pequenos municipios da provincia».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha