O orzamento social do Concello de Vigo para 2021 ascende a 19.725.833 euros, case medio millón máis que no pasado exercicio, nun ano no que a partida de axudas de emerxencia non terá límite orzamentario tal a como vén repetindo o rexedor nestes meses de pandemia. En rolda de prensa, Abel Caballero detallou os principais conceptos deste capítulo, empezando por Cedro, dotado con 1,5 millóns; programa socioeducativo e familiar, 710.000 euros; bolsas de libros e comedor, case 2 millóns; o servizo de axuda no fogar (dependencia) que se incrementa case nun 11%, ata chegar aos 7,1 millóns; mantéñense as achegas antidesafiuzamentos con 1,6 millóns, -a pesar de que xa existe a cobertura do Ingreso Mínimo Vital -; teleasistencia, 93.000 euros; albergue de Marqués de Valterra, 735.000 euros; programa de Coidadores de Barrio, 530.000 euros, que permite dar traballo a 40 persoas.
As contas de 2021 experimentan un incremento dun 21% no apoio a comedores sociais, que ascende aos 330.950 euros. Sal de la Tierra, 10.000 euros; Casa de la caridad: 55.000 euros (antes recibía 23.000 euros); Vida Digna, 45.000 euros; AFAN, 55.000 euros; Banco de Alimentos, 83.000 euros; Fundación Santa Cruz, 57.000 euros e, finalmente, Misioneros del Silencio, que se incorpora este ano con 26.200 euros.
Así mesmo, o Concello ademais de ter unha partida importante para subvencións para distintos colectivos, mantén o seu apoio a un importante número de entidades sociais entre as que se atopan Alborada, DOA, San Francisco, Amigos dos Maiores, AECC, Secretariado Xitano, Persoas xordas, Menena, AFAGA ás que dedica case 200.000 euros.
O alcalde rematou o apartado social afeando á Xunta que impoña a Vigo a cofinanciación dos centros de día de Teis, Coia e Valladares aos que o Concello vese na obriga de destinar 350.000 euros nos seus orzamentos anuais.