O ‘Outono Cultural’ chega a Cabana con teatro, música en directo e un roteiro polo Samaín

Concello de Cabana

  • A programación inclúe tamén unha xornada de visibilización da muller e a recreación da tradicional Romaría de Inverno de San Fins do Castro

O departamento de Cultura do Concello de Cabana presentou esta fin de semana a programación do ‘Outono Cultural’, unha iniciativa que inclúe multitude de espectáculos teatrais, música en directo, contacontos e outras sorpresas adaptadas para todas as idades.

Domingo 24 de outubro. O auditorio municipal acollerá, a partir das 18:00 horas, o ‘Consertasso na Horta’ de Brais das Hortas. Esta sesión inaugural combina teatro, humor e música para facer gozar a toda a familia.

Sábado 30 de outubro. Será o turno da primeira das grandes actividades. O Concello conmemorará o Samaín dun xeito especial co roteiro máxico ‘As Cores do Samaín’, que partirá desde o Dolmen de Dombate ás 18:00 horas. A rapazada irá disfrazada cara o Castro de Borneiro portando luces ou candís nun traxecto no que gozarán de representacións teatrais a cargo dos Quinquilláns. O Son do Castro poñerá o acompañamento musical nunha xornada na que, por suposto, non faltarán as castañas asadas.

Domingo 31 de outubro. Chega a Cabana o espectáculo cómico ‘Desconcerto’, de Culturactiva. Esta actuación, que estará a cargo dos actores Fran Rei e Félix Rodríguez, poderá desfrutarse nas instalacións do auditorio municipal a partir das 18:00 horas.

Martes 2 de outubro. Caramuxo Teatro tomará o seu lugar no auditorio coa obra ‘A nena que vivía nunha caixa de mistos’. A función comezará ás 11:30 horas e estará dirixida a público familiar.

Domingo 7 de novembro. O divulgador Pablo Carpintero analizará a música tradicional galega e a evolución dos seus instrumentos musicais. O público poderá acceder a esta sesión nas instalacións da Escola de Vela a partir das 12:00 horas.

Lunes 8 de novembro. A Asociación Íntegro e o Concello organizan o espectáculo ‘Encuentros y desencuentros’ de man da compañía teatral de Blanca Marsillach. Esta experiencia funciona como unha ferramenta terapéutica e un programa de integración no que traballan actores profesionais con e sen discapacidade.

Xoves 11 de novembro. A segunda das grandes datas desta programación será a tradicional Romaría de San Fins do Castro de 10:00 a 13:00 horas. Contará con música a cargo de Cé Orquestra Pantasma, baile, castañas, o clásico Berro Seco, sesión de contacontos con Anxo Moure e percorridos no tren turístico polos lugares máis emblemáticos de Cabana.

Domingo 14 de novembro. A troula continuará coa versión teatral de ‘A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza’, unha obra que representará A Xanela do Maxín. A actuación comezará ás 18:00 horas no auditorio municipal.

Domingo 21 de novembro. Unha semana despois o centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate acollerá a presentación musical do libro ‘Xeometrías máxicas de Galicia’ a partir das 12:00 horas. No acto participarán Bieito Romero e Irma Macías.

Xoves 25 de novembro. Baixo o título de ‘A visibilidade da muller’ celebrarase unha xornada dedicada a poñer en valor a figura da muller na sociedade e a importancia da súa voz. O acto iniciarase ás 11:00 horas na Casa do Pendón.

Domingo 28 de novembro. Os participantes do ‘Outono Cultural’ poderán gozar do ‘Festival As Nosas Música’, que contará coa participación de grupos locais como Os Farrapos, Manuel Souto e Jacinto Paredes, as pandereteiras As Fiandeiras do Fol, Eloy Mato, Xuntanza de Cabana e o Son do Castro. O público poderá gozar da música local desde os asentos do auditorio municipal a partir das 18:00 horas.

Sábado 4 e domingo 6 de decembro. As dúas derradeiras actuacións do outono terán lugar no centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate, ambas con inicio ás 18:00 horas. A primeira das sesións será un dos contos de Pablísimo, ‘O Arquivo do Chibo’, mentres que a segunda será o espectáculo de narración oral e monicreques ‘Novos Lobos’, de Fantoches Baj.

Todas as actividades contarán con aforo limitado e será necesario inscribirse previamente a través do teléfono do departamento de Cultura, no 981 754 020. A programación cultural conta coa organización do Concello de Cabana e a colaboración da Deputación da Coruña, Gadis e a Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22.