Foi nun acto celebrado este venres no salón de plenos do Concello de Carballo onde o Padroado Fogar de Bergantiños fixo entrega dos galardóns de Carballés, Bergantiñán e Galego do Ano 2017. Estes premios naceron pola iniciativa da Revista carballesa Mensaxe de Bergantiños no ano 1978, cando a redacción da mesma acordou instaurar estes galardóns para poñer en valor o esforzo de diversas persoas e entidades que traballasen polo desenvolvemento nos diferentes campos en Carballo, Bergantiños, Galicia, España e Internacionalmente.
Como Carballés do Ano 2017 foron galardoadas as Escolas de Fútbol Luís Calvo, que nacen no ano 2001 co obxectivo de promover a práctica do fútbol e o fútbol sala nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín. A súa escola reúne cada ano a centos de mozos e mozas arredor destes deportes. Desde o ano 2005, organizan o “Torneo Internacional de Fútbol-7 Concello de Carballo”, que xa ten reunido aos clubs de maior nivel galego, estatal e internacional, e goza de recoñecemento no ámbito estatal por ser un dos mellores torneos na súa modalidade. Recolleu o premio o seu presidente Luciano Calvo Pumpido.

Como Bergantiñán do Ano 2017 foi galardoada a Asociación de persoas con necesidades específicas da Costa da Morte, Aloumiños, pola labor desenvolta ao longo destes anos na integración de nenos con necesidades especiais, e na formación de pais así como a participación na organización de actividades como o «Camiño dos faros inclusivo». Recolleu o premio a súa presidenta Claudia Bajo.

Como Galego do Ano 2017 foi galardoado o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). O Festival Internacional Outono de Teatro celébrase en Carballo desde o ano 1992. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte, coa colaboración do Concello de Carballo, e dirixido por Alberto Sueiro. Atrae a máis de dez mil participantes cada ano no mes de outubro. O delegado da Xunta Ovidio Rodeiro destacou que durante este festival, que dura un mes enteiro, “Carballo convértese na capital das artes escénicas de Galicia, con máis dunha trintena de obras e máis de cen actividades programadas, o FIOT busca visibilizar tanto compañías de referencia como creadores emerxentes”. Recolleu o premio o presidente da Asociación Telón e Aparte, Alberto Sueiro Pastoriza.
