O Paiosaco recibe unha goleada en Arteixo e o Bergantiños suma e segue

Atlético Arteixo 2024.

O Atlético Arteixo non tivo piedade do Paiosaco no derbi xogado na fría e chuviosa mañá deste domingo e endosoulle cinco goles que deixa moi tocados aos da Laracha e achega a un punto aos de Arteixo aos postos de play off. Edu viu adiantado a Dani Moreno e colocoulle unha vaselina desde a frontal que supoñía o 1-0. Pablo Agulló no 52, executaba un libre directo desde a frontal para colocar o 2-0 no marcador. De novo Agulló encaixa a pelota no poste e o seu compañeiro Otero introdúcea en propia meta, era o 2-1 no minuto 68 de partido. No 84 Parafita aproveitaba o rexeitamento dun xogador da Arteixo para establecer o empate a dous tantos e tan só un minuto despois Manu Rivas tras un saque de esquina conectaba un cabezazo que tras pegar no pau coábase nas redes visitantes para volver poñer ao seu equipo por diante, 3-2. O Paiosaco viuse desbordado nos últimos minutos polo Arteixo, que lograría dous tantos máis. Iago Blanco primeiro e Cañi despois anotaban en dúas xogadas moi similares nas que os seus disparos tras golpear nalgún xogador da zaga visitante, terminaron nas redes da meta defendida por Moreno, 5-2. Un duro golpe para o Paiosaco que se achega á zona perigosa da táboa, con 24 puntos no posto 15.

O Bergantiños imponse 2-0 ao Bardadás, pero o Gran Peña non lle solta o ollo

O Bergantiños impúxose na tarde deste domingo ao Barbadás por 2-0 nas Eiroas. Pablo Longo anotou o primeiro gol do equipo carballés no minuto 79 e xa case co tempo regulamentario esgotado, Mario Musy facía o segundo gol para o Bergantiños no minuto 90. Con este resultado, o Bergantiños segue firme no máis alto da táboa de Terceira Federación, a dous puntos de distancia do Gran Peña que lle gañaba 0-2 a domicilio ao Ourense.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha