‘O país das bandas’ percorrerá Galicia cun cento de concertos

1 minutes read

A Cidade da Cultura foi o escenario da presentación do programa O país das bandas, promovido pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Bandas de Música Populares co obxectivo de servir de motor para a recuperación da actividade bandística na nosa Comunidade. Con tal fin, deseñouse un calendario de preto de cen concertos a cargo de 77 agrupacións, que percorrerán Galicia entre os meses de xullo e setembro no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22.O país das bandas estenderase por uns 80 municipios galegos coa participación de máis de 3600 músicos.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu este acto, para o que se contou coa actuación da Banda Artística de Merza e no que participaron, así mesmo, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares, Iván Estévez.
Na súa intervención, o titular de Cultura incidiu na firme aposta da Xunta por iniciativas que permitan a progresiva reactivación cultural, especialmente naqueles ámbitos máis prexudicados pola pandemia. É o caso das bandas de música populares, que o conselleiro definiu como “as grandes depositarias da tradición musical galega, protectoras e gardiáns do noso legado inmaterial”.
9M€ a prol da cultura
Trátase, ademais, dunha das iniciativas incluídas Plan de Reactivación da Cultura deseñado pola Xunta, que este verán impulsará máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€. Insírense, á súa vez, na programación especial do Xacobeo 21-22, cunha oferta diversificada e descentralizada que abrangue todas as manifestacións artísticas e se dirixe a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.