O Papa Francisco destituíu como bispo da diocese estadounidense de Tyler (Texas) a Joseph E. Strickland, expoñente tradicionalista e crítico co pontífice, despois dunha inspección ao seu goberno. A diocese queda «vacante» pero será dirixida polo bispo de Austin, Joe Vásquez, en calidade de «administrador apostólico», segundo confirmou este sábado a Santa Sede nun conciso comunicado.
O Vaticano non precisou as razóns da súa saída e na nota úsase o concepto de «destitución», cando a Strickland aínda lle faltan dez anos para cumprir os 75, a idade na que os bispos se xubilan segundo o Código de Dereito Canónico. A decisión chega despois de que o papa Francisco ordenase o pasado xuño unha «visita apostólica» ou inspección da diocese texana encargada a dous bispos estadounidenses.
Strickland é un declarado crítico de Francisco e en 2018 sumouse ás acusacións contra o pontífice declaradas polo antigo nuncio nos Estados Unidos, Carlo Maria Viganò, sobre o suposto coñecemento de Francisco dos abusos do cardeal Theodore McCarrick.Nunha carta dirixida aos seus fregueses en agosto de 2018, Strickland consideraba «cribles» as acusacións de Viganò contra o papa arxentino, de quen reclamaba a súa renuncia.